Sunday 05 de May de 2024

‘Alén loita e acariña’, un libro para plantar a semente do bo trato entre a poboación infantil


O CIM de Boqueixón presentou hoxe a publicación que busca ser “unha ferramenta para familias e docentes para conversar coa cativada sobre a violencia”
A Biblioteca Municipal acolleu esta tarde a presentación do libro Alén loita e acariña. A publicación foi promovida polo CIM de Boqueixón, dentro das actividades con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25N).
O acto foi presidido polo alcalde, Manuel Fernández Munín, que estivo acompañado pola directora do CIM de Boqueixón, Cristina Carbajales, e polas dúas autoras do libro. Yolanda Neira, psicóloga do CIM de Boqueixón, encargouse dos textos, e Blanca Millán, ilustradora local, das ilustracións.
O rexedor salientou a importancia de “poñer en marcha materiais como esta publicación, xa que contribúen, dun xeito máis directo, a loitar contra a violencia de xénero e a sentar, dende a infancia, as bases para acadar unha sociedade igualitaria”. Fernández Munín felicitou ao CIM de Boqueixón pola iniciativa e tamén ratificou “a aposta desde Concello por poñer en valor o talento local, contando neste libro infantil co traballo dunha ilustradora do noso municipio”.

Ademais, o alcalde indicou que se editaron 500 exemplares que serán distribuídos entre escolares dos distintos centros educativos de Boqueixón e tamén entre a cativada empadroada, pero que estudan noutros municipios. “Unha vez que estean distribuídos entre a nosa poboación infantil, abriremos un prazo de solicitudes para aquelas persoas que queiran ter este libro”, detallou Manuel Fernández Munín.
Do lema do CIM a un libro
Pola súa banda, Yolanda Neira explicou como xurdiu a idea de crear esta publicación: “Hai xa sete anos que As mans para loitar, non para ferir. A fala para acariñar, non para anular se converteu no lema oficial do CIM, e dende entón todas as campañas que se realizan tratan de visibilizar esa mensaxe”.
Dito lema xurdiu polo traballo que o CIM desenvolve coa poboación infantil en materia de prevención da violencia de xénero: “Naceu como unha frase para os nenos e as nenas, na que se lle convida a usar as mans e a fala para tratar ben ás persoas, unha mensaxe en positivo que implique a ese colectivo na semente do bo trato”, indicou Neira.
Dende entón, desenvolvéronse diversas iniciativas baixo este lema e, para reforzar ese traballo de prevención creouse o conto infantil. Alén loita e acariña foi escrito hai dous anos, logo dunha reunión coa directiva do CRA na que se tratou a colaboración para conmemorar o 25-N. A publicación ten como principal obxectivo “achegarlle á rapazada unha realidade que viven acotío e que non hai que normalizar”.
A través das súas páxinas, este conto “busca unha maneira na que falarlle á poboación infantil abertamente sobre a violencia de xénero coa fin de que aprendan a poñerlle nome a eses feitos que se dan, para poder identificala e rexeitala. A mellor maneira para abordar certos temas na infancia é a través dos contos, polo que ese foi o recurso que decidín utilizar, e escribín unha historia a través da cal realicei dende entón diversas sesións de contacontos”, concretou a psicóloga do CIM.
O libro completouse co labor de Blanca Millán, encargada de realizar as ilustracións. Ademais de poñer en valor o talento local, tamén contribúe á dobre visibilización dun traballo realizado integramente por mulleres.
Alén loita e acariña busca ser “unha ferramenta para familias e docentes que facilite conversar coas nenas e nenos sobre a violencia”. Como vindeiras accións, dende o CIM están a estudar a posibilidade de editar guía didáctica para traballar nas aulas e complementar, así, a lectura deste conto infantil.